Reapertura das instalacións deportivas municipais carballesas

1 minutes read

O Concello de Carballo reabre os complexos deportivos municipais desde o luns 8, dando prioridade a volta á actividade nas máximas condicións de seguridade tanto para traballadores/as como para usuarios/as. O protocolo de actuación coas medidas de seguridade adoptadas púxose a proba esta semana durante os simulacros realizados nos dous complexos deportivos municipais.

Deste xeito, abren os complexos deportivos Vila de Noia e Carballo Calero. De luns a venres en horario de mañá e tarde, e os sábados pola mañá, estarán dispoñibles tanto as piscinas para natación deportiva como as salas fitness para actividade individual. Para poder acudir será preciso concertar cita previa telefónica chamando ao 981702109 (ext. 2 de) de luns a venres, de 09:00 a 13:00 e de 16:30 a 20:30 horas, e os sábados, de 09:30 a 13:00. Polo momento os servizos están dispoñibles só para persoas abonadas, nas mesmas condicións nas que estaban inscritas antes do estado de alarma. As persoas usuarias deberán atender en todo momento as indicacións do persoal e seguir as medidas de seguridade desde a súa chegada ás instalacións e ata que abandonen as mesmas.