Rebenta unha antiga balsa no Monte Neme e arrasa a estrada que une Leiloio con Razo

  • Trátase da segunda rotura dunha balsa mineira en Monte Neme despois da rexistrada en febreiro de 2014.
  • Tras un intenso traballo, o tráfico quedaba restablecido á última hora da tarde deste sábado.

A rotura dunha balsa da antiga mina de Monte Neme, situado entre os municipios de Malpica e Carballo, provocou o arrastre de grandes cantidades de auga, pedras e matorrais e terminou colapsando unha estrada próxima que unía as parroquias de Leiloio (Malpica) e Razo (Carballo), que permanecía cortada toda a xornada do sábado. Tal e como informaba o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, a maquinaria estivo a traballar para abrir a estrada e poder retomar a circulación do tráfico rodado. A rotura da balsa prodúcese no momento no que a Xunta está a traballar no proxecto de rexeneración da explotación mineira de Monte Neme. Por sorte, neste incidente non se produciron máis danos que as consecuencias materiais causadas polo arrastre.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e os concelleiros de Obras, Policía e Protección Civil, Luis Lamas, Juan Seoane e Miguel Vales, tamén se achegaron para comprobar a magnitude da incidencia de primeira man. Daniel Pérez púxose en contacto co alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e ofreceulle a colaboración do concello para o que poidese precisar, dado que os danos se concentran en territorio malpicán. Dada a situación do terreo e a previsión de que siga chovendo nos próximos días, as autoridades piden a máxima precaución e que se evite achegarse á contorna do Monte Neme, tanto pola zona de Malpica coma pola de Carballo.

A Xunta descarta que haxa contaminación na zona. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, visitaron o lugar na tarde deste sábado. Abalde, achacou «as altas precipitacións desta tempada» a ruptura desta balsa da antiga mina do Monte Neme e que provocou un gran escoamento no concello de Malpica de Bergantiños.

Desde o Concello de Malpica informaban á última hora da tarde deste sábado de que, despois dos traballos realizados na zona afectada, o tráfico na estrada que une Aviño e Razo está restablecido, aínda que se recomenda circular con precaución.

Related posts

Unha muller tivo que ser evacuada en ambulancia tras tropezar nun buraco e caer na rúa Gran Vía de Carballo

O alcalde de Laxe analiza coa Xunta a posta en valor dos recursos turísticos da vila

La asociación Vieiro dio a conocer el balance correspondiente al año 2025