- O penso e as latas recollidas teñen como destino final a protectora carballesa de animais O Legado de Max.
Situado na rúa Villa de Laxe, en Carballo, o ximnasio Corporal X-Pressión, destaca pola infinidade de actividades que ofrece aos seus clientes, mesmo cun servizo personalizado. Unha iniciativa empresarial que está en marcha desde o ano 2004 da man dos irmáns Pablo e Maribel Pichel, pero ademais, desde o ano 2021 consolidaron unha idea solidaria que este sábado celebrou o seu cuarto aniversario.
Trátase da realización dun maratón solidario de ‘spinning’ de tres horas de duración a quendas, onde os participantes, nesta ocasión máis de 40, como condición para inscribirse achegan o seu graniño de area a modo de colaboración desinteresada con penso para cans ou latas de alimento para gatos.
Todo elo, fano en colaboración coa entidade carballesa O Legado de Max, unha pequena asociación formada por persoas voluntarias comprometidas coa protección e benestar dos animais, iniciativa que naceu da necesidade e sensibilidade para axudalos cando se atopan en situación de abandono e risco. Eles serán os destinatarios da mercadoría a modo de comida para os caniches e os miaus. Habitualmente supéranse os mil quilos de produtos recollidos e nesta ocasión non foi menos. Noraboa a idearios e participantes e bo proveito para os animaliños, iniciativas desta índole sempre son ben recibidas.