O Bergantiños F.C. ao completo, xogadores, cadro técnico e xunta directiva participaron na recepción oficial ofrecida este venres polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, con motivo da consecución por parte do equipo do histórico ascenso a Segunda RFEF.
Tanto o presidente, Chano Calvo, como o técnico José Luis Lemos e o capitán do Bergantiños, Aarón, agradeceron o apoio do Concello de Carballo para poder utilizar unhas instalacións excelentes, aínda que todos coincidiron tamén no obxectivo de poder contar algún día cun campo de herba no centro urbano. “Sería espectacular ter un campo en Carballo, pero entendemos as limitacións da Administración, e estamos contentos coas instalacións que temos”, expresou Aarón.
Capitán, adestrador e presidente do Bergantiños expresaron a súa satisfacción polo éxito acadado. “Eu tiña unha espiña cravada”, asegurou Chano Calvo, que destacou a excelente tempada realizada polo equipo e o ánimo que amosaron sempre os xogadores. “Ides ser a xeración de ‘Bergan, dálle lume’”, declarou.
O alcalde, pola súa banda, deu a benvida dos participantes ao salón de plenos e compartiu co equipo que non se debería ter cambiado a situación do campo, sinalando que dende o Concello sempre estarán do lado da directiva, “seguros de que na vida futura quedan moitas páxinas por escribir”.