Recepción oficial ao Laracha CF, campión da 84ª edición da Copa da Coruña

Recibimento Laracha CF_Concello

  • O alcalde destacou a xuventude e o esforzo do plantel larachés durante toda a campaña e desexoulles un pronto regreso á categoría Preferente

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu no Concello ao primeiro equipo do Laracha C.F. e á directiva da entidade, flamante gañadora da 84ª edición da Copa da Coruña. O rexedor lembrou a emocionante final vivida no estadio de Riazor o pasado venres no derbi larachés ante o Club do Mar de Caión que non se decidiu ata a quenda dos penaltis.

López Varela destacou a xuventude e o esforzo do plantel larachés durante toda a campaña, e desexoulles un pronto regreso á categoría Preferente, xa que na última xornada de liga confirmaron o descenso a Primeira Autonómica, división na que non militan desde 1992. O alcalde tamén valorou o traballo que fai o club na base e que ten previsión de reforzar de cara ao próximo ano. Nese sentido, afirmou que «para o Concello é un orgullo cooperar co club cedendo as instalacións de maneira gratuíta e tamén no aspecto económico con subvencións municipais» para potenciar na Laracha a práctica do deporte e os estilos de vida saudables.

O acto concluíu coa entrega por parte do alcalde ao presidente, Juan José Fuentes, dunha figura dun hórreo -símbolos do escudo do Laracha C.F.- cunha gravación que conmemora esta data.