Recepción oficial en Caión aos participantes no intercambio xuvenil ‘El camino que nos une’

1 minutes read

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, recibiu este xoves en Caión aos participantes no programa de intercambio xuvenil El camino que nos une, todos eles mozos procedentes de Italia, Grecia, Lituania, Portugal e Letonia. Esta visita conforma a segunda fase do proxecto no que está a participar o Concello e que posibilitou que no pasado mes de xullo rapaces laracheses viaxasen a Venecia.

Precisamente desa localidade italiana procede gran parte da expedición. Son alumnos de Il Polo Tecnico Profesionale de Venezia “Vendramin Corner”, o centro de formación profesional no que cursan estudos de diferentes materias relacionadas cos sectores marítimo, mecánico e de atención sociosanitaria.

Na Laracha visitaron varios puntos do municipio e realizaron os actos oficiais na vila de Caión, onde o alcalde lles deu a benvida no centro sociocomunitario -acompañado polo presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo- antes de proxectar un vídeo sobre o Concello e de visitar o Arquivo da Pesca.

Ademais da Laracha, durante a súa estancia de unha semana en Galicia tamén coñeceron Santiago de Compostela -incluíndo o Parlamento Galego e os Museos do Pobo Galego, Arte Contemporánea e das Peregrinacións-, un tramo do Camiño, a cidade da Coruña e os municipios de Santa Comba e de Fisterra. Este venres teñen previsto celebrar un encontro co Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.