O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, ofreceu unha recepción aos deportistas do Club Salvamento e Socorrismo Carballo (SYSCA) Brais Pensado Alberti e Noah Quintela Salcines, que veñen de asinar unha actuación extraordinaria no Campionato de Europa Júnior de Salvamento e Socorrismo en Praia disputado en Rossnowlagh, no condado irlandés de Donegal. No encontro participou tamén o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro. Os dous deportistas deixaron constancia deste novo fito coa súa sinatura no Libro de Honra do Deporte do Concello de Carballo.
Os carballeses formaron parte da selección española que se proclamou campioa de Europa tras conseguir un total de 27 medallas no campionato celebrado do 2 ao 7 de setembro, e no que Brais e Noah tiveron un protagonismo moi destacado.
Brais Pensado regresou de Irlanda con cinco medallas de ouro e tres de prata. Proclamouse campión de Europa individual en carreira con táboa e acadou tamén o ouro nos relevos de rescate con tubo, sprint praia e ocean, así como no relevo ocean mixto. Ademais, foi subcampión europeo en carreira con ski, ocean e rescate con táboa.
Noah Quintela conseguiu catro títulos europeos. Impúxose nas dúas probas individuais de area, sprint praia e bandeiras, e compartiu con Brais os ouros dos relevos masculinos de sprint praia e ocean.
A participación dos dous integrantes do SYSCA ten un significado especial para o deporte local, xa que é a primeira vez que dous deportistas do club carballés forman parte ao mesmo tempo da selección española nun Campionato de Europa.
Durante a recepción, Daniel Pérez trasladoulles os parabéns no nome do Concello e da veciñanza de Carballo e destacou tanto a dimensión dos resultados como o traballo que hai detrás deles. O alcalde manifestou que éxitos coma estes “sitúan o nome de Carballo no máis alto do deporte europeo”, e salientou que “son o resultado de moitas horas de adestramento, constancia e capacidade de superación”. O rexedor fixo extensivo o recoñecemento ao SYSCA, ás familias e ao equipo técnico, fundamentais nunha traxectoria deportiva que segue sumando éxitos e que confirma o excelente nivel do salvamento e socorrismo carballés.
Pola súa banda, Daniel Barreiro puxo en valor que dous deportistas formados nun club de Carballo sexan capaces de competir e gañar fronte aos mellores especialistas europeos da súa categoría, e destacou o papel que desempeñan os clubs locais na formación deportiva e tamén na transmisión de valores como o esforzo, o compañeirismo e a constancia.
Un verán de éxitos
Os resultados do Europeo poñen o broche a un verán especialmente brillante para os dous deportistas. No Campionato de España Estival de Praia, disputado en xullo en Cantabria, Brais Pensado conseguira xa dous ouros, en carreira con ski e ocean, e unha prata, mentres que Noah Quintela se proclamara campión de España de sprint.
Os dous foran convocados posteriormente pola Federación Española para unha concentración de alto nivel de praia, paso previo á súa participación coa selección no Europeo de Irlanda.
Brais Pensado e Noah Quintela figuran, ademais, entre as persoas recoñecidas pola Xunta de Galicia como deportistas de alto nivel en salvamento e socorrismo, unha consideración que reforza unha progresión deportiva que continúa situándoos entre as grandes promesas —e xa realidades— desta modalidade.
A recepción de hoxe serviu así para facer público o recoñecemento do Concello a dous deportistas que, desde Carballo e da man do SYSCA, xa están competindo e gañando ao máximo nivel europeo. A súa incorporación ao Libro de Honra do Deporte de Carballo deixa ademais constancia institucional dunha tempada e duns resultados que xa forman parte da historia deportiva do municipio.
