Recibidas 12 ofertas para a redacción do proxecto de construción de 73 vivendas de promoción pública en Carballo

1 minutes read

A Xunta vén de recibir 12 ofertas de empresas para a redacción dos proxectos básico e de execución e da dirección de obra para a construción dun edificio de promoción pública para 73 vivendas en Carballo, nunha parcela cedida polo Concello.

Situada na rúa Médico José Manuel Lado 18-20, a parcela conta cunha superficie de 1.998 metros cadrados e a redacción do proxecto e dirección de obra do inmoble saíu a licitación por un importe de 549.708€.

O investimento total estimado que fará a Xunta nesta actuación, que abordará a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, é de 14M€.

A cesión desta parcela por parte do Concello á Xunta foi aprobada polo Consello da Xunta o 4 de agosto e materializouse a finais dese mes, no marco da colaboración que a Administración autonómica está a manter cos concellos para acadar máis solos onde construír vivenda pública. Neste senso, xa se acadaron acordos, ademais de Carballo, coas administracións locais de Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Lalín, Teo, Narón, A Estrada, Mos e San Cibrao das Viñas.