Recibidas 7 ofertas para redactar o proxecto da depuradora de Cee e Corcubión


A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de recibir un total de 7 ofertas para a redacción do proxecto construtivo da nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión. Destas ofertas, dúas preséntanse a través de UTE, o que supón un total de 9 empresas.

A execución destes traballos, licitados por un investimento de máis de 347.000 euros, terá de prazo de execución do contrato é de 12 meses.

Dada a necesidade existente de mellorar o sistema de saneamento de Cee e Corcubión, Augas de Galicia realizou unha análise de alternativas co obxecto de determinar a mellor ubicación para a execución da citada depuradora. O estudo, enmarcado nas actuacións proxectadas pola Xunta de Galicia para a mellora do sistema de saneamento nestes dous concellos da Costa da Morte, permitiu determinar no municipio de Cee o lugar para executar a nova estación depuradora de augas residuais de Cee e Corcubión.

A entidade hidráulica da Xunta entregará ao Concello o estudo de alternativas no que se determinan as parcelas onde se vai ubicar a estación depuradora, asumindo integramente a financiación e licitación do proxecto construtivo, así como a súa supervisión e aprobación. A actuación conta coa cofinanciación da Unión Europea, a través do programa operativo do Fondo europeo de desenvolvemento rexional FEDER. Pola súa banda, o Concello de Cee comprométese á pór á disposición de Augas de Galicia os terreos necesarios para que a adxudicataria poida realizar os traballos xeotécnicos e topográficos precisos para a elaboración do proxecto construtivo, así como á adquisición dos predios necesarios unha vez aprobado o proxecto construtivo da nova depuradora.