- As brionesas conseguiron o subcampionato da Copa de España co grupo de show pequeno e sendos quintos postos no Campionato de España tanto para o grupo júnior como o cuarteto júnior
O alcalde de Brión, Pablo Lago, vén de recibir ás patinadoras do Club de Patinaxe Artística Brión, ás que felicitou polos éxitos acadados no Campionato de España e na Copa de España de Grupos Show celebrados na cidade de Alcoi (Alacante). Na que foi a súa primeira participación nun campionato nacional, os tres grupos do CPA Brión lograron uns grandes resultados.
Así, o grupo de show pequeno proclamouse subcampión da Copa de España coa súa coreografía “Escape Room” mentres que tanto o grupo júnior, coa coreografía “Birka”, como o cuarteto júnior, coa composición “Endless Dream”, acadaron unha meritoria quinta praza no Campionato de España. As patinadoras destes grupos son Yaisa, Icía, Leire, Marta, Alba, Greta, Carla, Antía, Flavia, Paula A, Paula M e María e son adestradas por Natalia e Andrea Mera, que contan coa axuda de Lorena Jiménez e Nerea Lago.
Unhas patinadoras que non deixan de colleitar éxitos. Así, esta pasada fin de semana o cuarteto júnior gañou o V Trofeo de Grupos Show Salvaterra Milenaria coa súa composición “Endless Dream”, mentres que o “Escape Room” do grupo de show pequeno se fixo co segundo posto e o grupo de show júnior obtivo un terceiro posto con “Birka”.
Pablo Lago Sanmartín reiterou as súas felicitacións ás patinadoras, de idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos, polos seus recentes éxitos deportivos e bromeou co feito de que esta sexa a segunda recepción oficial que teñen en apenas un mes, pois a anterior fóra co gallo dos seu segundo e terceiros postos no Campionato Galego.