Reciclar este Nadal en Carballo ten premio grazas a Íntegro e ao CCA

Cedida

  • Utilizaranse máis de 20.000 bólas de plástico para fabricar novos produtos como chisqueiros ou macetas

O proxecto medioambiental da asociación Íntegro para a reciclaxe e transformación de residuos plásticos Diversiplás, + diverso – plástico segue avanzando no seu camiño cara unha Costa da Morte «máis sostible, máis diversa e con menos plástico», sinalan desde a entidade. Desta volta faino captando novos colaboradores e participando nunha iniciativa na que a ilusión, a maxia e a reciclaxe serán coprotagonistas xunto cos máis pequenos da casa.

Grazas ao Centro Comercial Aberto de Carballo (CCA) e á súa campaña de Nadal, nas vindeiras semanas Íntegro recompilará máis das 20.000 bólas de plástico que nestes momentos se agochan na casiña que o CCA ten instalada na Praza do Concello. Para conseguilas só haberá que mercar nos 76 establecementos comerciais e de hostalaría adheridos á campaña. A cambio, cada cliente recibirá un vale que os máis cativos poderán cambiar por unha tirada na casiña e obter así unha bóla con premio seguro e directo.

Unha vez obtido o agasallo, os envases poderán ser depositados nun tragabolas para o seu almacenamento e posterior utilización como materia prima no taller de aproveitamento e reciclado, que se poñerá en marcha en 2022 co apoio e asesoramento de Adrián Coira, de Just Fair Enough, para a creación de novos produtos con diferentes utilidades como chaveiros, macetas ou mobiliario urbano).

Diversiplás é un proxecto de economía circular xurdido ao abeiro do proxecto Tanza, dirixido á recuperación e valorización de residuos plásticos. Coordinado pola asociación Integro, conta co apoio do GALP Costa da Morte e o financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Máis Porvir Xestión Social

Ademais da súa aportación ao proxecto medioambiental Diversiplás, este Nadal o CCA de Carballo contribuirá tamén á inclusión social e laboral de persoas con diversidade funcional. Dous traballadores de Máis Porvir Xestión Social, a empresa de economía social da asociación Íntegro, serán os encargados de repartir ilusión, sorrisos e premios entre a cativada que se achegue ata a casiña de Nadal do CCA.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha