Reclaman ao concello de Carballo unha maior estabilidade do persoal municipal

1 minutes read
  • A Agrupación de Funcionarios/as A Alternativa sinala que hai un alto índice de persoal que non dispón de praza en propiedade no Concello.

A Agrupación de Funcionarios/as A Alternativa vén de rexistrar unha proposta, dirixida á concelleira delegada de Persoal no Concello de Carballo, reclamándolle que a Oferta de Emprego Público do ano 2020 sexa ambiciosa e aposte, dunha vez por todas, pola estabilidade do persoal municipal.

Vítor Recarei, membro da Xunta de Persoal da Agrupación, sinala que é necesario elaborar os «procesos de consolidación e funcionarización que sexan precisos para rematar cunha situación que, entendemos, está viciada». Ademais, o cadro de persoal, publicado recentemente no Boletín Oficial da Provincia, «revela con números clamorosos o alto índice de persoal que non dispón aínda de praza en propiedade no Concello», destacou Recarei.

A Alternativa presentara xa no mes de setembro un escrito con idéntica finalidade pero, con motivo da próxima publicación da Oferta de Emprego Público para o ano 2020, entenden que «é o momento de que o goberno plasme de forma clara o seu compromiso con este tema».