Reclaman solucións ante os problemas da rede de telefonía móbil en Baio

2 minutes read
Antenas de telefonía no Pico de Meda, encargadas de dar cobertura a boa parte do Concello de Zas_gm.

As incidencias, que afectan a usuarios de distintas compañías, están a prolongarse durante varios días e están a provocar importantes dificultades tanto para realizar chamadas como para utilizar os servizos de datos móbiles. A situación tamén está a afectar ao funcionamento dos datáfonos dos establecementos comerciais, así como ao acceso a internet.

Por elo, veñen de reclamar á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) que se adopten medidas urxentes para solucionar os problemas que está a experimentar a rede de telefonía móbil en diferentes puntos de Baio.

Desde o Concello de Zas consideran especialmente preocupante que estas deficiencias se estean producindo nunha zona cunha importante actividade comercial como Baio, onde unha correcta cobertura de telefonía e internet resulta fundamental para o funcionamento diario dos negocios e para a veciñanza.

O alcalde, Manuel Muíño, sinala que “non pode ser que levemos varios días con problemas na liña, con dificultades para utilizar os datáfonos, cos propios móbiles sen poder realizar chamadas e cun acceso a internet moi deficiente”.

“En pleno século XXI isto non pode pasar. É inadmisible, e máis nunha zona moi comercial como é Baio, onde estes problemas están a causar importantes prexuízos tanto aos establecementos como á veciñanza”, engade o rexedor.

O Concello xa trasladou esta situación a Amtega, departamento da Xunta de Galicia con competencias nesta materia, para que se poida identificar a orixe das incidencias e impulsar, no ámbito das súas competencias, as actuacións necesarias para acelerar a súa solución.

Desde o Concello lembran que a Administración municipal non ten competencias sobre as redes e os servizos de telefonía, polo que corresponde ás administracións competentes, tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central no ámbito das súas respectivas competencias, reclamar ás compañías operadoras as actuacións necesarias para garantir a correcta prestación do servizo.

“Desde o Concello imos facer todas as xestións que estean na nosa man para que as compañías dean unha resposta e se restableza canto antes un servizo que hoxe é básico para calquera persoa ou negocio”, conclúe Manuel Muíño.