Unha ducia de voluntarios participaron na limpeza da praia de San Miro, en Malpica, organizada por LimpOcean. Aínda que parecía que ía ser unha tarefa doada porque estamos en outono e as praias non están moi concorridas, non foi así. No areal non había obxectos de plástico moi grandes, pero tal foi a cantidade de lixo pequeno e microplásticos que aos voluntarios levoulles máis tempo do esperado limpar este pequeno paraíso malpicán.
Ao remate da recollida do lixo, o Concello de Malpica levoulles unha pequena merenda. Esta actividade atópase dentro do proxecto #MalpicaSenPlásticos. Desde a concellaría de Medio Ambiente, da que está ao cargo Miguel Ángel Fernández Mirás, agradecen a participación de todos os voluntarios nesta complicada tarefa que tivo lugar o pasado sábado e recórdanlle aos veciños e veciñas a importancia de manter o noso entorno limpo e sen plásticos para deixarlle un mundo mellor ás xeracións máis novas.
18