Recollidos en Carballo máis de doce mil quilos de aceite de cociña usado en 2023

1 minutes read

Segundo os datos que vén de facilitar o xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza carballesa depositou nos colectores específicos un total de 12.560 quilos de aceite, o que permitiu evitar a contaminación de 13.816.000 litros de auga. Ademais, unha vez transformado en biocarburante, o residuo recollido xerou un aforro de emisións de CO2 de 37,68 toneladas.

Nestes momentos hai 34 puntos de recollida en distintos barrios urbanos e en varias parroquias de Carballo. Os contedores máis utilizados para o depósito de aceite son os situados nas inmediacións dos supermercados e do mercado municipal, pero tamén teñen uso os das parroquias: nos colectores situados na Feira de Verdillo (Artes), Razo (2), Sofán, Imende (Noicela), Verdillo, Xoane (Goiáns), Pedra do Sal (Lema), Bértoa, Sísamo e Cances recolléronse o ano pasado un total de 2.800 quilos.

A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares, xa que para grandes produtores hai un servizo específico. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. Para facilitar o depósito nas botellas, desde o Concello de Carballo ofrecen á veciñanza funís adaptables que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na casa do concello (departamento de Medio Ambiente).