Recollidos en só dous meses en Zas uns 600 quilos de tapóns solidarios

1 minutes read

O Concello de Zas fixo entrega duns 600 quilos de tapóns de plástico á asociación A.S.E.R – Ayuda a Superar Enfermedades Raras – de A Coruña. Recolléronse en só dous meses nos dous colectores con forma de corazón colocados en Zas e en Baio e nos demais puntos de recollida instalados nos centros de ensino do municipio, nos Centros Socioculturais e na propia Casa do Concello.

Segundo o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, esta cantidade de tapóns “demostra, por un lado, a solidaridade da veciñanza e, por outro, o respecto polo medio que se fai con este simple xesto”.

Agora estes tapóns trasladaranse a unha pranta de reciclaxe onde se encargarán de trituralos e de convertelos en diñeiro que a asociación A.S.E.R. entregará a aqueles nenos e nenas con doenzas raras que máis o precisen. Julio Rey, secretario desta entidade sen ánimo de lucro, destaca a gran implicación da veciñanza con esta acción solidaria así como o seu compromiso co medio.

Os colectores con forma de corazón instaláronse a finais do mes de marzo nas inmediacións do Centro Sociocultural de Zas e na Praza Jorge Mira Pérez de Baio.