Recoñecemento a catro palilleiras por participar nas 30 edicións da Mostra do Encaixe

1 minutes read
  • A concelleira de Encaixe, Encarna Liñeiro, enxalzou a figura das encaixeiras ás que cualificou como «a peza máis importante»

Trinta anos son os que cumpre a edición da Mostra do Encaixe de Camariñas estes días, e trinta anos son os que levan participando na mesma Carmen Carrera, Matilde Isabel García, María Rosa Liñeiro e Carmen Bugallo. Estas catro palilleiras recibiron na mañá deste luns un recoñecemento do Concello por formar parte deste evento tan importante para Camariñas e a Costa da Morte.

A entrega dos diplomas e agasallos ás encaixeiras correu a cargo da concelleira de Encaixe, Encarna Liñeiro; do concelleiro de Obras, Sergio Caamaño; da concelleira de Igualdade, Begoña Tajes; do edil de Deportes, Fabián Canosa; e da responsable de Comercio, Lara Pasantes. Durante a súa intervención, Liñeiro enxalzou o labor das palilleiras ás que definiu como «a peza máis importante en todas as edicións da Mostra do Encaixe». Pola súa banda, as homenaxeadas coincidiron en sinalar a «importancia» que ten o evento en termos xerais, pero tamén nas súas vidas.

A cuarta xornada da Mostra do Encaixe de Camariñas está cargada de actividades. A pasarela Deputación da Coruña acollerá, ás 17:00 e 18:30 horas, os desfiles de Noveis Deseñadores, que contarán coa presenza do xurado desta edición composto por varios deseñadores de renome: Dolores Cortés, que actuará como presidenta, Charo Carrillo, Edith del Valle, Claudina Mata, Inés Fernández e Esteban Freiría.

O peche deste luns chegará ás 20.00 horas cun encontro entre grandes e noveis deseñadores.