Recoñecemento ao esforzo dos grupos de acción local do sector pesqueiro


As conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participaron no acto de entrega da terceira edición dos Premios Economía Azul, uns galardóns que pretenden recoñecer o labor de catro proxectos sustentables dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que contribúen a dinamizar a súa contorna. Precisamente, a titular de Mar salientou o esforzo que realizan os GALP na posta en marcha de iniciativas que permiten impulsar a economía das zonas costeiras e preservar o patrimonio e a cultura mariñeira na súa área de influencia.

Rosa Quintana subliñou que os catro gañadores nesta edición -froito dos preto de 4.500 votos rexistrados- son unha pequena mostra da aposta constante destes grupos polo mundo do mar en todas as súas vertentes, desde as actividades vencelladas coa extracción e a valorización dos produtos do mar ata a difusión e protección dos sinais de identidade das localidades pesqueiras e costeiras da comunidade.

Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda subliñou a importancia que teñen este tipo de galardóns xa que permiten recoñecer e darlle visibilidade a proxectos de gran valor ambiental para avanzar na protección dos valores e da riqueza natural que caracteriza á costa galega.

Ao acto de entrega dos premios, que se celebrou na Cidade da Cultura, tamén asistiron distintos representantes da Consellería do Mar como a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, así como as presidentas e presidentes dos GALP de Galicia e outras autoridades dos municipios costeiros galegos.

A iniciativa premiada na categoría de Apoio á pesca costeira artesanal foi o proxecto Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – LonxaTour, promovido pola confraría de pescadores de Portonovo ao abeiro do GALP Ría de Pontevedra.