Este sábado 7 de marzo, a Escola Basket Xiria fará un recoñecemento público no descanso do partido na casa contra o ULE Basket León (17:30 horas), da importante labor que a Xunta Local de Carballo da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) realiza na nosa comunidade.
Acudirán na súa representación a súa presidenta Ana Casais e algunhas compañeiras mais da xunta directiva, sendo polo tanto tamén unha boa ocasión para conmemorar o Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo.
A Xunta Local de Carballo da Asociación Española contra o Cancro (AECC) foi a primeira xunta local en fundarse na provincia da Coruña. A súa presidenta fundadora foi Ana Guillén quen estivo ó fronte da entidade – xunto con outras compañeiras- durante 5 décadas aproximadamente.
Actualmente a asociación está formada por 10 voluntarias, sendo a súa presidenta actual Ana Casais. En 2015 as entidades locais da comarca de Bergantiños foron recoñecidas como Bergantiñán do Ano. O cometido da Xunta Local da AECC e realizar campañas informativas, divulgativas e preventivas, recadar fondos para a investigación desta enfermidade mediante a organización de diversas actividades solidarias: andainas, ceas, venda de lotaría, merchadising, etc., así como acompañar ás persoas que sofren esta enfermidade e mellorar a súa calidade de vida e a dos seus familiares e achegados.