Recoñecidos artistas, máis de 300, participarán nos “Concertos do Xacobeo”


“Un Xacobeo unido polo camiño e pola música” cunha “programación única”. Con esta idea  presentábase este sábado en Compostela a programación de Concertos do Xacobeo. Vilas e cidades de toda a comunidade gozarán dunha oferta musical que inclúe uns 70 eventos musicais nas catro provincias galegas durante sete meses.

A programación de Concertos do Xacobeo inclúe 70 eventos musicais nas catro provincias galegas con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos. Actuarán artistas como Rosalía, Luis Fonsi, Marc Anthony, Imagine Dragons, C. Tangana, Hombres G, Bunbury, Rozalén ou Placebo, e haberá figuras do panorama nacional como Beret, M-Clan, Taburete, Los Secretos, Coque Malla, Víctor Manuel ou Miguel Ríos, ademais do mellor da música galega, con Iván Ferreiro, Xoel López, Tanxugueiras ou Roi Casal. Tamén o fará a banda de rock británica Muse, aínda que o lugar do concerto está aínda por determinar.

Outras moitas figuras do panorama galego, nacional e internacional, ata sumar 300 artistas, participarán tamén en recoñecidos festivais que se van celebrar este ano da man do Xacobeo, como Atlantic Fest, Resurrection Fest, O Son do Camiño, Portamérica ou o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, entre outros.

Os interesados poderán consultar a programación na páxina web concertosdoxacobeo.gal, que se irá actualizando periodicamente. Tamén poderán facelo nas distintas páxinas web e redes dos festivais e ciclos dos concertos previstos.