Anxo Fuentefría de 14 anos representaba á AD Fogar no Campionato de España de Natación Alevín de Verán celebrado nas instalacións da M-86 de Madrid na pasada fin de semana. O torneo nacional contou co concurso de 223 clubs e a presenza de 693 nadadores-as, 317 da categoría feminina e 376 da masculina. Na xornada do xoves Anxo abría campionato na proba dos 1.500 metros libres onde remataba 14º cunha mellor marca persoal de 18:11.80. O venres a mañá clasificábase para nadar a final dos 200 braza cun mellor rexistro persoal de 2:38.70, co que batía o récord do club da categoría; para volvelo a batir na final da tarde cun tempo de 2:38.15 acadando a 5ª praza nacional. Na matinal do sábado Anxo pechaba a seu concurso nadando os 100 braza en 1:14,91 para ser 13º, e os 400 estilos nos que cun mellor tempo persoal de 5:15,17 batía tamén o récord do club de 14 anos.
0