Miles de persoas abarrotaron este domingo Paiosaco para asistir aos actos programados pola Comisión de festas da localidade e polo Concello da Laracha. Dende primeira hora da mañá un fervedoiro de xente e ringleiras de turismos na AC-552 trataban de facerse un oco na vila para gozar de todo o que ofrece a feira de Paiosaco habitualmente, pero ademais nesta ocasión do produto estrela do día, as cereixas, chegadas maioritariamente da Rioxa, Zaragoza ou de Valle del Jerte en Cáceres. Predominaron clasificadas por tamaños, oscilando as máis pequenas a 5 euros o kilo e as máis grandiñas a 8, habitualmente envasadas para a ocasión en caixas de madeira de dous kilos de produto. O tempo aínda que o ceo estivo cuberto e con ameaza de choiva, non foi un impedimento para gozar desta festa, como cada primeiro domingo de xullo. A Charanga Kilomberos de Monte Alto puxo a tónica musical durante toda a mañá. Ao mediodía o Dúo Charada animou a sesión vermú. Xa pola tarde, houbo baile tradicional coa actuación da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco. Pecharon a xornada festiva un concerto de SÉS e unha sesión de fogos de artificio.

Actuación da charanga Kilomberos de Monte Alto.