Récord de inscricións no Pequetrail de Lousame 2022


O Concello de Lousame vén de pechar as inscricións no Pequetrail, unha proba gratuíta que terá lugar na tarde deste sábado 3 de decembro e que vai dirixida a corredores e corredoras nadas entre os anos 2005 e 2017. Unhas inscricións que se saldaron coa cifra récord de 86 rapaces e rapazas inscritos, sobre un cento de prazas dispoñibles.

O concelleiro de Deportes, Jesús Martínez, amosa a súa satisfacción xa que “nesta cuarta edición do Pequetrail acadamos un récord de inscricións: 84 rapaces e rapazas, cando o ano pasado só contamos con 15 participantes”. Así mesmo, agarda que durante os próximos días “se vaian incrementando as anotacións tanto para o Trail de Lousame, que terá lugar o vindeiro domingo 11 de decembro, como especialmente para a Andaina Solidaria do sábado 17 de decembro, onde todo o recadado será entregado á Obra Social de Pediatría do CHUS”. Unhas inscricións que se poden formalizar na web www.emesports.es.

De feito, esta cuarta edición do Pequetrail contará con máis participantes que as tres edicións anteriores xuntas: 15 no 2021, 30 no 2020 e 10 no 2019. A proba desenvolverase a partir das 16:00 horas do sábado 3 de decembro na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes. Os primeiros en saír serán os 6 cadetes e xuvenís (atletas nados entre os anos 2005 e 2008) que percorrerán uns 7 km. Os 36 alevíns e infantís (nados entre 2009 e 2012) cubrirán unha distancia de 2 km; mentres cos 28 Benxamíns (de 2013 a 2017) afrontarán uns 500 metros. Os máis pequenos, os 16 xabaríns, percorrerán uns 100 metros.

O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como unha cinta deportiva Hanker, ao rematar cada unha das probas.