O Ciclo de Teatro de Ponteceso bateu nesta edición o récord de público dos seus 26 anos de historia. Un total de 900 espectadores asistiron ás cinco funcións que se celebraron no salón de actos do Edificio das Escolas ao longo do mes de novembro. As limitacións do espazo provocaron moitísimas estreiteces, e nalgunha ocasión tivo que quedar xente fóra.
Ao longo do mes de novembro houbo un percorrido polo teatro galego máis actual e coa muller como protagonista do Ciclo de Teatro con espectáculos como “Elisa e Marcela”, da compañía A Panadaría; “Cinco mulleres que comen tortilla”, de Señora Supina, ou “Bernarda”, de Malasombra. Ademais, a semana pasada os “Cranios privilexiados” de Mofa&Befa, e este sábado máis teatro de calidade con Talía e a súa divertida “Vida de cans”.
Dende o goberno municipal seguen a traballar para realizar no Edificio das Escolas as reformas precisas para dispoñer dun espazo cultural con capacidade para 400 persoas que permita dar cabida á crecente afección ao teatro no concello e na contorna, pero tamén a outros moitos espectáculos, ademais de dinamizar un área educativa na que se concentran cada día centos de nenos e mozos.