Record de subvencións directas do Concello de Carballo ás entidades deportivas

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión ordinaria a concesión de subvencións por importe de 109.337,47 euros para as entidades deportivas do concello, acadando deste xeito unha cifra récord destinada a apoiar a actividade que desenvolven clubs e asociacións ao longo do ano, posto que se considera que o asociacionismo deportivo é un piar básico para acadar un sistema deportivo máis participativo, amplo e diversificado.

Esa cantidade, outorgada a través de procedementos en concorrencia competitiva, permite financiar un total de 30 proxectos a través das convocatorias de axudas para a actividade xeral durante a tempada, a organización de eventos deportivos e a participación en fases de ascenso e/ou campionatos de España.

En concreto, a Concellaría de Deporte destina 92.000 euros para subvencionar a actividade xeral de 15 entidades, financia con 10.000 euros 10 proxectos de eventos deportivos presentados por 9 entidades, e con 7.337,47 euros apoia a participación de catro entidades en fases de ascenso e/ou campionatos de España. As contías outórganse en función dunha serie de criterios establecidos nas bases, e permiten cubrir unha porcentaxe de ata o 100% dos orzamentos e gastos.

A estas liñas de axudas hai que engadir as subvencións nominativas previstas no orzamento municipal cun total de 70.000 euros para 9 entidades e outros tantos eventos.

Pero a maiores de todos estes proxectos deportivos promovidos polas entidades do Concello e apoiados con axudas económicas directas, desde a Concellaría de Deporte tamén se está a impulsar a actividade deportiva facilitando a utilización das instalacións de xestión municipal sen ningún tipo de contrapartida económica. O Concello de Carballo ten a disposición das entidades 8 pavillóns, 4 ximnasios, tres campos de fútbol e dúas piscinas climatizadas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha