Recorren a prohibición de manifestarse en Madrid polo 8M


Os sindicatos UXT e CC.OO., a plataforma de asociacións 8 M Movemento Feminista e a Comisión 8M anunciaron este venres senllos recursos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid contra a prohibición por parte da Delegación do Goberno das manifestacións con ocasión do Día da Muller. Ambos os sindicatos criticaron nunha rolda de prensa a medida adoptada pola Delegación do Goberno, cando as súas convocatorias eran para un total de cen persoas, 50 por cada sindicato, e cumprindo de forma estrita con todas as medidas de seguridade relativas á pandemia. Tamén a plataforma de asociacións 8M Movemento Feminista argumentou que a prohibición “non obedece a ningunha medida sanitaria” e anunciou que recorrerán usando “todas as ferramentas legais” para poder celebrar mobilizacións na rúa o vindeiro luns cos permisos correspondentes e con todas as garantías sanitarias.