O espectáculo de gran formato está baseado en textos de Nacho Carretero, e conta coa dirección de Tito Asorey e a dramaturxia de José L. Prieto, o equipo responsable do éxito de ‘Fariña, o espectáculo teatral’.
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022. Esta mañá presentouse no campo de fútbol de Villestro Recortes, caneos e outras formas de driblar, un espectáculo de gran formato baseado na última investigación de Nacho Carretero sobre os beiras escuras do fútbol profesional. Do acto de presentación de Recortes, caneos e outras formas de driblar participaron, ademais de Tito Asorey e do elenco, o director do CDG, Fran Núñez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e Nacho Carretero.
A dirección da obra é de Tito Asorey, quen xa ten experiencia dirixindo unha versión teatral da obra de Carretero, como fixo con Fariña. A dramaturxia é obra de José L. Prieto, quen tamén foi o encargado en Fariña. O elenco está formado por Xosé A. Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escudero, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. Malia non ser suficientes estes seis actores para formar un equipo de fútbol, representarán unha infinidade de personaxes: xogadores, entrenadores, directivos, xornalistas, afeccionados…
Jacobo Sutil, presidente da Agadic, presentou o acto no centro do campo da que será a primeira produción do Centro Dramático Galego desta tempada, “na que mesturamos teatro e fútbol e para a que contamos cun equipo gañador con esta alianza con Ainé, que non ten moitos anos pero é unha das compañías máis versátiles e exitosas”. Pola súa banda, Fran Núñez, director do CDG, recoñeceu a súa satisfacción co proxecto e salientou que o teatro, como o fútbol, é un traballo de equipo no que o traballo de moitos suma para crear grandes espectáculos. Ao igual que o director da Agadic, agradeceu a colaboración entre institucións e Ainé para levar adiante grande proxectos teatrais. “Con Recortes saímos do teatro á vez que procuramos atraer xente que non estea interesada neste pero si no fútbol, porque o Salón teatro é a casa de todos”.
Tito Asorey recoñece que dirixir este espectáculo é un regalo enorme e que deixando as individualidades, como no fútbol, no teatro conséguense grandes éxitos. Destaca que Recortes é unha obra para quen disfruta moito do fútbol, pero tamén para aqueles que, como el, non teñen especial gusto por este deporte, pero entenden a súa transcendencia e dimensión social. Xosé A. Touriñán agradeceu “o traballo de todo o equipo responsable desta obra, cada un na súa posición”.
Nacho Carretero explicou que Recortes nace repetindo a fórmula exitosa de Fariña e grazas ao impulso e a inquietude de Xosé A. Touriñán. Recoñece que a fórmula de facer a obra de teatro antes que o libro é innovadora, pero tamén que tiña claro cando comezou coa investigación que realizou sobre o mundo do fútbol, esta ía tomar polo menos dúas vertentes: un libro e unha obra teatral. Álvaro Pérez Becerra, produtor de Ainé, agradeceu ao xornalista coruñés sumarse á aventura de producir teatro.
A estrea da obra terá lugar o 29 de setembro no Salón Teatro de Santiago e continuará en cartel no Salón Teatro de Santiago ata o 23 de outubro, para despois iniciar unha xira por diferentes localidades galegas. Na páxina web recortes.gal está dispoñible o calendario de funcións e a venda de entradas.