O Concello de Carballo está a rematar as obras de acondicionamento de cinco espazos urbanos que son utilizados como aparcadoiros. Dentro do plan de mellora das áreas de estacionamento gratuíto coas que se conta en toda a zona urbana -ben en terreos municipais ou ben en solares cedidos ao Concello de Carballo polo sistema de comodato-, nestes momentos estase a actuar en máis de 8.000 metros cadrados de superficie.
Estas son as localizacións e as superficies aproximadas:
- Pazo da Cultura: 2.250 metros cadrados
- Rúa Perú: 2.250 metros cadrados
- Rúa Río: 700 metros cadrados
- Fórum Carballo: 1.000 metros cadrados
- Depósitos de auga: 2.200 metros cadrados
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, realizaron esta semana un percorrido por algúns dos estacionamentos, nos que, despois dos traballos de explanación, sumidoiros, gabias e pavimentación con aglomerado, acometerase o pintado das prazas e tamén se instalarán sinalización vertical e, onde sexa preciso, luminarias.