Recunchos, o novo programa de andainas para coñecer a fondo o concello de Vimianzo

Cedida

  • Comezará este sábado coa ruta polos Penedos de Pasarela e Traba e finalizará o 11 de setembro

O Concello de Vimianzo lanza Recunchos, un programa de andainas para dar a coñecer o seu patrimonio durante o verán. A iniciativa arrancará este sábado cunha ruta polos Penedos de Pasarela e Traba. A saída está programada para as 9:30 horas e farase desde a escola de Pasarela. Terá unha extensión aproximada de 8 quilómetros.

A inscrición pode realizarse neste enlace. Recoméndase empregar botas de montaña ou calzado axeitado, roupa cómoda e demais utensilios de sendeirismo.

Todos as andainas son circulares, con saída e chegada no mesmo lugar. As persoas participantes deberán trasladarse ao punto de inicio da ruta polos seus propios medios. No caso dos menores, estes deberán estar acompañados dun adulto e con autorización do pai, nai ou titor/a legal.

Próximas rutas: Vieiro Fidalgo (10 de xullo), Bamiro (17 de xullo), Vimianzo- Castrobuxán (14 de agosto), Val de Vimianzo (21 de agosto) e Ruta do mel (11 de setembro).