Os amigos do alleo parece que están cada vez máis atentos e son cada vez máis rápidos. A onda de roubos de turismos prosegue na comarca de Bergantiños, esta vez a quenda tocoulle a un veciño da Laracha que deixou o coche un minuto coas chaves postas e en poucos segundos atopouse co sitio baleiro. Tras a correspondente denuncia, a Central Operativa de Servizo da Garda Civil montou un operativo de procura que pronto daría os seus froitos. Posiblemente esta presión policial, dado que o turismo fora visto circulando dirección Carballo, foi a que motivou que os supostos ladróns abandonasen o turismo en menos dunha hora. A denuncia pola súa desaparición foi comunicada pouco antes de a media noite e a localización produciuse ás 00.50 horas. Pouco máis de 50 minutos para facer o traxecto da Laracha á zona deportiva da Grela en Carballo, onde o deixaron abandonado. Posiblemente nesta ocasión a rápida intervención da presión policial “salvou a vida” deste Hyundai I30 de pouco máis de catro anos de uso.
0