Recuperado o corpo sen vida dun pescador que caera ao mar na Coruña

Imagen de archivo de un Helimer 401

  • Media hora antes tamén foi localizado outro cadáver na praia de Centeás, en Ares

Os equipos de emerxencias recuperaron este mércores o corpo sen vida dun home que caera ao mar nunha zona de rompentes no Portiño, na cidade da Coruña.

Foi unha das persoas que se atopaba coa vítima pescando quen chamou ao 112 Galicia tras ver que o seu compañeiro fora arrastrado por unha onda. De inmediato se puxo en marcha un operativo de rescate no que participaron o helicóptero Helimer, varias patrullas da Policía Local e Nacional e os Bombeiros da Coruña. Tamén foron informados os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e o persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Aparece sen vida o home desaparecido en Ares
Media hora antes do suceso da Coruña, sobre as 10:30 horas, o 112 Galicia tamén recibía unha chamada dun particular que alertaba da localización dun corpo na praia de Centeás, en Ares.

Tras as investigacións realizadas polos axentes da Garda Civil e da Policía Local, comprobouse que se trataba do home que o pasado luns desapareceu no concello coruñés. De feito, as forzas da orde estaban a participar nun operativo de busca, no que tamén colaboraban os voluntarios de Protección Civil.