Recuperado un vehículo subtraído á brigada de obras de Carballo

1 minutes read

Á primeira hora da mañá deste xoves operarios municipais da brigada de obras de Carballo alertaron da desaparición dun dos seus vehículos. Tratábase dun todoterreo Nissan Pathfinder, de difícil camuflaxe dado que está rotulado por todo o perímetro coa nomenglatura oficial da entidade. Acto seguido pasouse aviso ás forzas da orde que montaron un dispositivo de procura para a súa localización. O roteiro dos amigos do alleo non puido ser moi longo, o vehículo foi abandonado nunha pista de servizo á DP-1914, xunto a unhas vivendas no lugar de Baris, parroquia de Rus, a uns seis quilómetros de onde fora subtraído. Ao lugar desprazouse unha patrulla da Policía Xudicial, así como outra da Garda Civil, o concelleiro de Obras e Servizos, Lois Lamas e un operario municipal. En principio o vehículo non presentaba danos e investígase se puido ser utilizado para cometer algún tipo de delito.