Reeditado o pacto PSOE – BNG para gobernar a Deputación da Coruña


Os dous partidos alcanzaron un acordo para reeditar o goberno de coalición, que estará presidido polo socialista Valentín González Formoso e que ademais contará cunha vicepresidencia a cargo do nacionalista Xosé Regueira, en substitución de Goretti Sanmartín.

Os portavoces dos dous grupos, Bernardo Fernández do PSOE e Xosé Regueira do BNG, presentaron o acordo tras levar xa catro anos gobernando en conxunto.

«Este goberno que hoxe se conforma a partir deste acordo que acabamos de asinar baséase precisamente nese documento que asinamos e tamén sobre a experiencia deste últimos catro anos de goberno. Unha experiencia que foi moi satisfactoria nos dous sentidos: no interno e a nivel de relación e tamén na xestión e nos cambios que se deron nese goberno.» Afirmaba Bernardo Fernández, portavoz do PSdeG na Deputación da Coruña.

«Os cambios que se deron nesta administración foron moi positivos tanto para as propias administracións locais como para as persoas que viven nelas. E non só a nivel orzamentario. Creo que se avanzou claramente nas políticas de benestar.» Di Xosé Regueira, portavoz do BNG na Deputación da Coruña.

Créanse nove áreas de goberno nas que seis serán xestionadas polo PSOE e tres polo BNG.