O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega de cadanseu furgón 4×4 de servizos varios aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con sede en Brión, Avión e Folgoso do Courel, que supón un investimento de case 270.000 euros -89.540 euros cada un- para reforzar o equipamento destes grupos. Neste caso, os tres furgóns permiten o transporte de auga para extinción de pequenos incendios, ao contar cunha cisterna de máis de 500 litros, e tamén material para servizos varios en intervencións en zonas de difícil acceso. Así, mellorarán o seu equipamento o GES de Santiago-A Barcala, que ademais de Brión atende aos concellos de Ames e Negreira; o GES da zona Quiroga-Terra de Lemos con sede en Folgoso do Courel, e que tamén cubre os de A Pobra de Brollón, Quiroga e Ribas de Sil; xunto co GES da subzona O Ribeiro-Avión, con sede neste municipio e que tamén atende aos de Beariz e Boborás.