A Xunta reforza a seguridade nos concellos turísticos cun elevado incremento da poboación estacional a través do Plan específico de subvencións para a contratación de auxiliares de policía local durante a tempada de verán. O Goberno galego destina este ano a este plan un total de 140.000 euros para subvencionar as contratacións realizadas entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2022.
Consonte os criterios de selección, os concellos que recibirán as axudas á contratación de auxiliares de policía local este ano son Sanxenxo, O Grove, A Guarda, Miño, Poio, Nigrán, Cangas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Vilagarcía de Arousa.
As contías, que medran con respecto a 2021, distribúense tendo en conta a porcentaxe que representan as prazas hoteleiras en cada concello sobre a cifra de poboación, sendo beneficiarios os concellos que experimentan na tempada de verán un incremento estacional de poboación e que teñan un mínimo de 1.000 prazas.
Deste xeito, nos municipios nos que as prazas de aloxamento supoñan máis da metade sobre o total de habitantes reciben axudas por importe de 25.000 euros, como é o caso de Sanxenxo e O Grove. Nos concellos que as prazas de aloxamento representan máis do 20% -isto é A Guarda, Miño e Poio- a contía máxima é de 15.000 euros, mentres que nos que como Nigrán, a porcentaxe supera o 15%, a subvención é dun máximo de 12.000 euros. Cangas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Vilagarcía de Arousa recibirán 8.250 euros en cada caso, debido a que as prazas de aloxamento en comparación coa poboación é inferior ao 15%.