A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou no Diario Oficial de Galicia a encomenda das novas actuacións de mellora de seguridade na rede viaria de titularidade autonómica, no ámbito dos Camiños de Santiago, que suporán un investimento autonómico de preto de 1,8M€.
Executaranse 39 novas actuacións para mellorar a seguridade en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, que se lle encomendan á Empresa de Transformación Agraria, S.A. S.M.E., M.P. (Tragsa). Cómpre lembrar que baixo este programa a Xunta executou outras 70 actuacións nas rutas xacobeas ás que destinou un investimento de 1,4M€.
Os traballos definidos comprenden actuacións de reforzo da seguridade viaria e da accesibilidade para favorecer unha mobilidade máis segura para peregrinos e veciños nas vías de titularidade autonómica. As intervencións desenvolveranse con criterios comúns no deseño, tanto desde o punto de vista da seguridade, como da accesibilidade e dos materiais empregados.