Reforzo da seguridade viaria nas distintas rutas do Camiño de Santiago


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou co director xeral de Tráfico, Pere Navarro, o protocolo de actuación Camiño de Santiago, Camiño seguro, para facer máis seguro o camiño dos peregrinos neste Xacobeo 21-22. Desta forma, con esta colaboración preténdese informar e sensibilizar aos peregrinos en materia de seguridade viaria cunha guía de consellos e unha campaña específica e poñer en marcha actuacións co obxectivo de evitar e previr riscos en puntos conflitivos facilitando a convivencia entre os camiñantes e os vehículos.
Ademais, facilitarase a conexión entre as páxinas web e aplicacións do Camiño de Santiago da Xunta e a da DXT para compartir os datos actualizados sobre os itinerarios das distintas rutas ou incidentes nos seus puntos críticos e, en xeral, información relacionada coa seguridade dos peregrinos.