A Dirección Xeral de Mobilidade vén de aprobar a proposta de melloras trasladada a semana pasada aos concellos de Ferrolterra, cos que o Goberno galego vén mantendo xuntanzas nos últimos meses, nas que tamén participou a UTE titular da concesión.
A oferta potencia os servizos directos entre as cidades, con 55 expedicións por autoestrada máis cada semana, 11 ao día de luns a venres, o que supón un incremento superior ao 35% destes servizos.
As solucións consisten na atención da demanda específica das franxas horarias da primeira hora da mañá e da primeira hora da tarde, condicionadas polos desprazamentos por motivos de traballo e estudos entre as dúas cidades.
De modo máis concreto, dos 11 servizos por autoestrada que se engadirán cada día, 8 funcionarán nas horas punta. O incremento da oferta permitirá aos usuarios dispoñer de autobuses directos con horas de saída que chegan a estar separadas por só 30 minutos.
Os axustes nas rutas de entrada e saída da Coruña permiten mellorar a atención de puntos de atracción de demanda significativos, como o CHUAC e os campus universitarios na Coruña. O hospital gaña 6 novas expedicións directas ao día, mentres os campus terán un servizo que minimiza o impacto do desvío para o resto de usuarios.
Ademais das conexións entre as cidades da Coruña e de Ferrol, a proposta de reestruturación optimiza os servizos dos traxectos intermedios, asegurando a accesibilidade dos corredores A Coruña-Betanzos e Ferrol-Pontedeume.
No marco deste reforzo, nas horas punta substitúense expedicións por estrada entre as dúas cidades por servizos por autoestrada entre A Coruña e Betanzos, mentres outros se transforman en semi-directos, realizando o treito entre Betanzos e Ferrol por estrada.
Estas melloras responden á necesidade de adecuar os servizos ao incremento da demanda na conexión entre Ferrol e A Coruña que se produciu desde mediados de setembro.