Reforzo dos programas sociais provinciais para afrontar as consecuencias da pandemia

1 minutes read

A Deputación da Coruña reforza este ano todos os seus programas sociais para facer fronte ás consecuencias da pandemia entre os colectivos especialmente vulnerables e as familias con menos recursos.

Este compromiso plásmase nos Orzamentos 2021 da administración provincial, que este ano incrementa a partida para área social de 11,8 a 27,4 millóns de euros, un 137% máis que no pasado exercicio.

“En 2021 imos a facer a maior aposta social da historia da Deputación”, afirmou o presidente Valentín González Formoso, que destacou que as políticas de emprego, reactivación económica e axudas aos sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia serán, xunto coa área social, as “prioridades absolutas” durante este ano.

A Deputación reforzará tamén o seu servizo de Teleasistencia, no que inviste 720.000 euros en 2021 e que experimentou durante a pandemia un importante incremento do número usuarios e usuarias, que supera xa as 2.700 persoas.