Reforzo dos servizos de autobús en Cambre, cunha circular ao Polígono do Espírito Santo


A partir deste luns, 14 de marzo, reforzaranse as liñas de autobús de Cambre, dobrando as actuais e con novos itinerarios que chegarán a 37 novas paradas. Ademais créase unha liña circular ao polígono do Espírito Santo. O conxunto de adaptacións deseñadas e acordadas co Concello de Cambre permitiron a revisión da totalidade dos servizos de interese municipal (SIMU) que reforzan a atención do transporte público entre os núcleos de poboación, como complemento na actual concesión de autobús interurbano.

Así, cada unha das 3 liñas do servizo de interese municipal, que contaban con expedicións de ida e de volta co mesmo itinerario desdóbranse en dúas. Deste xeito esas 6 liñas terán itinerarios semellantes aos anteriores, pero con parte do seu traxecto diferenciado e ampliado a máis poboacións nos dous sentidos, chegando a 37 novas paradas. Ademais, créase unha nova liña circular entre Cambre e o polígono industrial do Espírito Santo que inclúe unha prolongación ata o núcleo da Mota, unha das principais demandas do concello neste traballo de revisión.