Reforzo policial na hostalaría carballesa como prevención da COVID-19

Foto.- Arquivo.

  • Empresarios do sector solicitaron a colaboración do Concello para controlar o cumprimento da normativa contra o coronavirus.

A raíz dunha xuntanza celebrada este martes entre representantes da asociación de hostalaría, o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, a Policía Local de Carballo intensificará o control sobre o cumprimento das medidas de prevención contra a COVID-19 nos establecementos do sector.

Os/as empresarios/as puxeron sobre a mesa as dificultades coas que se atopan para garantir o cumprimento das normas incluídas na resolución da Xunta de Galicia do 17 de xullo, polo que contarán co apoio dos/as axentes para intentar mudar a situación.

Deste xeito, a Policía Local reforzará a vixilancia que xa viña realizando sobre o cumprimento da normativa, tanto na vía pública coma no interior dos locais. Neste sentido realizarase en primeiro lugar unha campaña informativa e de control tanto do uso da máscara coma da prohibición de consumir de pé nas terrazas, dos aforos ou dos horarios de peche, e nunha segunda fase procederase a tramitar as sancións correspondentes a cada infracción.

Dende o Concello de Carballo solicitan a colaboración da veciñanza para mellorar o cumprimento das medidas de distanciamento social, uso de máscara e hixiene, coa finalidade de que actividades fundamentais para a economía local non se vexan afectadas pola COVID-19, especialmente cando se está a rexistrar un incremento tan importante dos contaxios na área sanitaria desta zona.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha