- Se o adulto é unha persoa diferente dos proxenitores, titores ou acolledores, deberá contar cunha autorización previa destes
Este sábado publicouse no BOE a Orde que regula as condicións nas que deben ter lugar os desprazamentos por parte da poboación infantil e que entrará en vigor mañá domingo.
Segundo establece o texto, os menores de 14 anos poderán dar paseos controlados sempre que vaian acompañados dun adulto durante unha hora ao día, nun horario amplo para evitar aglomeracións (entre as 09.00 h. da mañá e as 21:00 h.), a unha distancia dun quilómetro ao redor do seu domicilio e sen acceder a espazos recreativos infantís ao aire libre ou instalacións deportivas.
O paseo diario deberá realizarse como máximo en grupos formados por un adulto responsable e ata tres nenos. Durante o mesmo deberá manterse unha distancia interpersoal con terceiros de polo menos dous metros e cumprir coas medidas de prevención e hixiene recomendadas.
A persoa que acompañe aos menores deberá ser maior de idade, convivir no mesmo domicilio que o neno actualmente, ou ser un empregado de fogar a cargo do menor. Cando o adulto sexa unha persoa diferente dos proxenitores, titores, curadores, acolledores ou gardadores legais ou de feito, deberá contar cunha autorización previa destes.
Non poderán saír os menores que presenten síntomas, estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico confirmado por COVID-19 ou estean en período de corentena domiciliaria por estar en contacto con algunha persoa con síntomas ou diagnosticado desta enfermidade.
Respecto aos nenos e nenas que residan en centros de protección de menores, centros habitacionais sociais de apoio para persoas con discapacidade ou outros servizos residenciais análogos serán as comunidades autónomas, respectando o regulado nesta Orde, as que poderán, no exercicio das súas competencias en materia de protección e tutela de persoas menores de idade, adoptar as medidas necesarias para adecuar a aplicación do disposto na mesma.
Para máis información, consulte aquí a resolución.
