En todos os casos o regreso farase cumprindo escrupulosamente cos protocolos de seguridade establecidos debido ás circunstancias sanitarias da Covid-19.
O servizo de aula lúdica volve para facilitar a conciliación persoal e laboral das familias que teñen ao seu cargo nenos de entre 3 e 12 anos de idade. As sesenta prazas ofertadas foron cubertas na súa totalidade. Durante o verán, catro monitores especializados estarán ao coidado dos nenos de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. Este servizo municipal, que se presta a través do Programa Harmoniza, é gratuíto para os beneficiarios.
Tamén reabre o complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, incluíndo tanto a zona de auga como o ximnasio e as salas fitness. O único servizo que non estará dispoñible temporalmente será a sauna. A empresa concesionaria da xestión das instalacións, Hebe Sport, anunciou que en xullo soamente se cobrarán as cotas aos abonados desde o día 18, compensando deste xeito os días de marzo que estiveron cerrados debido á declaración do estado de alarma. Tamén comunicou que as actividades dirixidas retomaranse a partir do 6 de xullo. Neste complexo deportivo o aforo estará limitado ao 75% da súa capacidade e resérvanse como horarios preferentes para persoas maiores de sesenta anos de idade os tramos entre as 8:00 e as 10:00 horas e entre as 19:00 e as 20:00 horas.
Salientar, por último, que tamén volve a actividade ao Obradoiro de Emprego A Laracha V, o programa dual de formación e emprego organizado polo Concello co apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia. Os vinte alumnos traballadores repártense en dúas especialidades –dez en cada unha delas-. A de carpintería de madeira ten por actuación principal a reparación do paseo fluvial do río Anllóns. A de pintura industrial xa actuou na Casa da Cultura e no edificio administrativo e nas próxima semanas intervirá no centro sociocultural de Paiosaco, nas pistas polideportivas descubertas de O Vilar (Cabovilaño) e Cumiáns (Montemaior) e nos báculos da iluminación pública.