Regresa a Carral o Premio de Fotografía Manuel Ferrol

1 minutes read

O concurso de fotografía nace, en palabras dos organizadores, para «reivindicar a figura e a obra dun fotógrafo representativo de toda unha época da cultura galega». O prazo para concorrer a este premio, que convocan o Concello de Carral e a Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’, co apoio da Deputación coruñesa, quedou aberto ata o 17 de decembro.

A temática dos traballos deberá versar sobre retrato, reportaxe e tradición, segundo informaron os responsables da iniciativa nun acto con presenza do deputado de Cultura, Xurxo Couto; o concelleiro de Cultura de Carral, Francisco Bello, a secretaria da Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’, Noemia Moar, e o membro do xurado, Víctor Echave.

Trátase dunha convocatoria que se recupera tras a paréntese do pasado ano debido á crise sanitaria. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, enmarcou o apoio da Deputación da Coruña na «filosofía de apoiar e visibilizar a obra de fotógrafos e fotógrafas actuais».