Regueifa | A improvisación oral en verso viaxou de Vimianzo a Sardeña

Equipo de profesorado galego na casa do improvisador sardo Bernardu Zizi, en Sardeña.

O proxecto Europa de repente, coordinado polo CFR de Vimianzo e en parcería co CEIP Labarta Pose, o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón realizou a súa terceira mobilidade á illa de Sardeña (Italia) para coñecer as diferentes formas de improvisación oral en verso.

Nestas visitas de observación e intercambio de experiencias con asociacións culturais de Sardeña, graváronse as composicións improvisadas da gara poética ou o muteto, cantadas nas diferentes variantes do sardo.

Partillar experiencias educativas, construír cooperación pedagóxica, mellorar competencias e construír rede son algúns dos obxectivos clave do proxecto que vai rematar nas próximas semanas coa mobilidade a Iparralde, no estado francés.

Nesta visita á illa, igual ca nas anteriores mobilidades a  Madeira e á Toscana, as persoas docentes do proxecto  realizaron numerosas entrevistas e gravacións a persoas de moi diferentes idades para compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo en Europa.

Este traballo ten como obxectivo a creación e desenvolvemento dun proceso no coñecemento, valoración e difusión do noso patrimonio inmaterial en irmandade con outras manifestacións artísticas similares. Un recoñecemento emocional da riqueza da nosa regueifa como impulsora e dinamizadora educativa, social e cultural.

Unha experiencia única para crear oportunidades nas que compartir coñecemento, observar metodoloxías novas e fornecer lazos de colaboración entre países veciños que repercutirán positivamente nas nosas aulas.