Regueira visita en Zas a nova oficina de información turística de Brandomil

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, visitou a nova oficina de información turística de Brandomil, en Zas, Manuel Muíño; o presidente da Fundación Brandomil, José Pérez, e parte do equipo técnico que está traballando nas escavacións. Regueira aproveitou tamén para coñecer os traballos arqueolóxicos que están realizando na contorna da ponte romana e do xacemento romano Pedra do Altar.

Regueira confirmou a colaboración da Deputación co Concello e a Fundación Brandomil para dinamizar, durante todo o ano, a oficina de información turística de Brandomil, e contribuír así a manter este recurso aberto e a buscar estratexias de desestacionalización para o turismo da comarca.

«Na Costa da Morte contamos cun importantísimo patrimonio, como estamos vendo aquí en Brandomil que conta cun patrimonio romano moi singular, que debemos non só preservar senón tamén difundir entre toda a poboación, tamén a da nosa provincia». Neste sentido, o vicepresidente engadiu que «Brandomil non só é historia, é tamén presente e futuro, por iso hai que divulgalo tamén entre a rapazada, que volverán despois cos seus pais a visitar este lugar único».

Durante a visita, o arqueólogo Lino Gorgoso tamén lle trasladou ao vicepresidente o resultado das escavacións máis recentes que se están levando a cabo, neste caso na Pedra do Altar que, tal e como sinalou, apuntan á existencia, baixo a terra, dunha cidade romana que estivo habitada durante varios séculos.

Related posts

O Concello da Laracha adxudica dous proxectos de mellora da rede viaria que suman 183.000 euros

Carballo | A programación de Apego arrinca coincidindo coa Semana da Mobilidade

O PSOE de Coristanco propón ceder terreos para crear unha base de bombeiros forestais no municipio