‘Rei Zentolo’ deseña a camiseta oficial da XLIV Festa da Pataca de Coristanco

2 minutes read

O Concello de Coristanco presenta unha das novidades da XLIV Festa da Pataca, que se celebrará os días 19 e 20 de setembro: unha camiseta deseñada especialmente para a ocasión pola marca ‘Rei Zentolo’, unha das firmas galegas máis recoñecibles pola súa maneira de reinterpretar a cultura e a identidade do país a través do deseño.

A proposta nace coa intención de converter un dos grandes símbolos de Coristanco nunha peza que vaia máis alá do merchandising habitual da festa. O deseño sitúa a pataca como absoluta protagonista e rende homenaxe, cunha estética gráfica de inspiración tradicional, ao traballo agrícola que está detrás dun produto estreitamente ligado á historia, á economía e á identidade do municipio.

Baixo o lema «Coristanco, chega á pataca», a ilustración incorpora elementos vinculados ao cultivo e á recollida tradicional, acompañados da mensaxe «Cultivo artesanal – colleita a man». O resultado combina o carácter contemporáneo de Rei Zentolo coa esencia rural e pataqueira de Coristanco.

Esta colaboración forma parte da aposta da XLIV Festa da Pataca por renovar a imaxe da celebración sen perder as súas raíces, levando a identidade da festa a novos formatos e creando elementos que poidan permanecer como recordo desta edición.

A camiseta estará dispoñible para a súa compra por 15 euros durante a Festa da Pataca, os días 19 e 20 de setembro, e permitirá que veciñanza e persoas visitantes poidan levar consigo unha peza creada especificamente para Coristanco e para unha das celebracións máis representativas do municipio.

A XLIV Festa da Pataca de Coristanco, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, volverá reunir durante toda a fin de semana gastronomía, tradición, cultura, actividades familiares e propostas arredor dun produto que forma parte inseparable da identidade local.

Tras o anuncio, o alcalde, Juan Carlos García Pose, destacou que “con esta acción, Coristanco volve reivindicar así a súa pataca non só como produto gastronómico, senón tamén como patrimonio, cultura e sinal de identidade”.