Reino Unido, Irlanda e Polonia iluminan monumentos para celebrar o Día do Apóstolo

Seguindo a iniciativa #AcendeoXacobeo, coa que se iluminaron máis dun cento de edificios e monumentos en Galicia para anunciar o comezo do Ano Santo, Turespaña está a replicar a exitosa iniciativa promovendo a iluminación de edificios vencellados co Camiño de Santiago en Europa con motivo da celebración do 25 de xullo.

Deste xeito, Turespaña, a través das súas Oficinas internacionais, en colaboración con Turismo de Galicia está a iluminar monumentos emblemáticos de diversas capitais para promocionar o Xacobeo 2021-2022. Con esta acción búscase amplificar a celebración da festividade do Apóstolo dándolle unha repercusión internacional ás portas da celebración do Día do Apóstolo.

Os monumentos emblemáticos que permanecen iluminados estes días sitúanse en Reino Unido, Irlanda e Polonia, países que son principais emisores de viaxeiros estranxeiros ao noso país. Así, a Igrexa de Saint James de Dublín, que é a máis identificada co Camiño de Santiago na capital irlandesa, comezou a iluminarse o 19 de xullo e seguirá lucindo a frecha amarela que marca o Camiño de Santiago ata o día 26.

Do mesmo xeito, esta semana ilumináronse a Catedral de Southwark, situada xunto ao London Bridge de Londres e a igrexa de Santiago Apóstolo en Torun, en Polonia, que lucirá a iluminación especial ata o 25 de xullo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha