Reivindican a importancia da conexión ferroviaria a Punta Langosteira

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu á colocación da primeira pedra das novas instalacións da empresa Terminais Marítimos de Galicia (TGMA) no porto exterior de Punta Langosteira. Foto: Moncho Fuentes.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu ao acto institucional de inicio das obras das novas instalacións da empresa Terminais Marítimos de Galicia (TMGA) no porto exterior de punta Langosteira, onde reivindicou a transcendencia de que o peirao conte cunha conexión ferroviaria para poder captar novos tráficos e seguir medrando. Sen esta infraestrutura, lamentou, veranse comprometidas tanto a súa competitividade como a súa rendibilidade futuras.

Neste sentido, a titular de Mar agradeceu a aposta de TGMA pola dársena de Arteixo -que foi a primeira compañía en asentarse neste peirao e agora amplía as súas instalacións- e lembrou que para que o porto poida aproveitar ao máximo o seu potencial de crecemento debe contar cunha conexión para o transporte de mercadorías acorde ás súas instalacións. Neste sentido, incidiu en que se trata dunha obra esencial para o porto da Coruña, para a súa área metropolitana e para o conxunto de Galicia.

A empresa TMGA

Terminais Marítimos de Galicia é unha empresa estibadora creada en 1995 e a primeira en volume de actividade e facturación do porto da Coruña. Abarca distintos tipos de tráficos pero está especializada nos graneis sólidos, na mercadoría xeral e en pezas especiais. Foi a primeira empresa en instalarse no porto exterior de punta Langosteira e na actualidade xa conta con catro naves que ocupan 29.000 metros cadrados. As obras de ampliación supoñen a construción de dúas novas naves, ata acadar os 42.000 metros de superficie, e un investimento total de 25 millóns de euros desde a súa chegada ao peirao arteixán.