Relacionan o asasinato no bar Castro de Carballo, a mans de sicarios, con outro en Barcelona

As forzas de seguridade relacionan os dous crimes, logo de que os autores fosen detidos, no caso de Carballo hai escasos días, e no de Barcelona hai xa cinco meses, pero non é ata o de agora que transcendeu o arresto dos sospeitosos. Segundo publicaba este mércores o xornal El Periódico de Catalunya, os investigadores encontran vínculos entre os dous crimes, entre outras cousas tras examinar o móbil dun dos detidos. Cren que se trata de asasinatos encargados por axustes de contas, e que podería haber outros casos en España que impliquen á mesma banda.

O primeiro dos asasinatos que se investiga ocorreu na Noiteboa de 2023. Foi nun bar do barrio do Poble Sec de Barcelona. Un home entra no local e dispáralle ao dono, de 32 anos. Estaba sentado nunha mesa e morreu practicamente no acto. O asasinato en Carballo prodúcese o 4 de decembro de 2024. Neste caso dous homes entran no bar Castro e tirotean o seu propietario, quen intenta refuxiarse sen éxito nos baños. Despois do crime foxen do lugar en patinete.

Os seus supostos asasinos son de nacionalidade colombiana e foron detidos en Madrid e Barcelona, tras unha investigación de máis de cinco meses. Logo de pasar a disposición xudicial, os dous detidos ingresaron en prisión por orde do Xulgado de Instrución número 2 de Carballo.

Related posts

Unha muller tivo que ser evacuada en ambulancia tras tropezar nun buraco e caer na rúa Gran Vía de Carballo

Rebenta unha antiga balsa no Monte Neme e arrasa a estrada que une Leiloio con Razo

O alcalde de Laxe analiza coa Xunta a posta en valor dos recursos turísticos da vila